xoves, 9 de agosto de 2018

Usos do xerundio


O xerundio é unha forma verbal non persoal que ten un valor adverbial. Os xerundios dos verbos da primeira conxugación rematan en –ando (andando); os da segunda rematan en –endo (lendo); e os da terceira, en -indo (partindo).

1. O xerundio expresa unha acción simultánea ou unha acción anterior á do verbo principal:

   Vimos a deportista correndo pola pista [as dúas accións son simultáneas: vímola mentres corría]

Debe evitarse o denominado ‘xerundio de posterioridade’, que expresa unha acción posterior á do verbo principal:

   *Lavamos o coche, secándoo ao sol

   *Son catro alumnos os seleccionados, sendo este o mellor

Estes usos poden substituírse por estoutros:

   Lavamos o coche e (logo) secámolo ao sol

   Son catro alumnos os seleccionados, dos cales este é o mellor

Aínda así, admítense certos usos cando a acción expresada polo xerundio é inmediatamente posterior á acción expresada polo verbo principal ou cando se se describe unha imaxe:

   Melloraron os resultados traballando máis [primeiro traballaron máis e logo obtiveron mellores resultados]

   Nenos xogando ao fútbol [pé dunha imaxe]

2. Polo xeral, o xerundio comparte suxeito co verbo principal:

   O policía fíxonos o sinal de parar levantando a man [o policía fixo un sinal e o policía levantou a man]

Aínda que, en certos casos, o xerundio pode ter suxeito propio distinto do suxeito do verbo principal:

   Sendo ela a nosa amiga, nós confiámoslle varios segredos [‘ela’ é o suxeito do xerundio e ‘nós’, o suxeito do verbo principal]

3. A función do xerundio é a de complemento circunstancial (de tempo, de modo, de condición, de causa...) do verbo:

   Resolveu o problema pedindo axuda [modo]

   Entrou na casa chovendo [tempo]

Debe evitarse o uso do xerundio con valor adxectivo, que modifica un substantivo:

   *Búscase secretaria falando inglés

   *Decreto regulando o horario dos comercios

Estes casos deben substituírse por:

   Búscase secretaria que fale inglés

   Decreto (polo) que (se) regula o horario dos comercios