Dúbidas

Nesta páxina ofrécese un pequeno elenco de dúbidas agrupadas baixo as seguintes epígrafes:

-      Numerais
-      Plural
-      Abreviacións
- Concordancia
-      Outros


NUMERAIS

páxina dous, páxina dúas
Estamos perante un numeral cardinal usado coma se fose ordinal que expresa unha posición nunha serie, ‘páxina segunda’. Inclúese aquí para clarexar se debe ir en masculino ou en feminino. De feito, serven as súas solucións: dicindo páxina dous, o numeral concorda co substantivo elidido ‘número’; mentres que en páxina dúas o numeral concorda co substantivo ‘páxina’ ao que modifica.

mil millóns, un billón
Mil millóns é ‘mil veces un millón’, mentres que un billón é ‘un millón de millóns’. Por influencia do inglés dos Estados Unidos de América, tende a usarse de forma incorrecta un billón por un mil millóns.

cun, dun, nun
Un, como artigo indeterminado e como adxectivo, contrae coas preposicións de, en e con: dun, nun, cun. Como pronome contrae con de e en, mais non contrae coa preposición con: saudoume con dous bicos, non con un.

cen, cento
O numeral cento pode usarse coa forma plena ou abreviada: cen. Úsase o adxectivo cen ante un substantivo (cen amigos) e ante mil (cen mil euros) para formar numerais compostos. Tamén se usa cen cando é pronome (cantos euros queres? Quero cen) ou substantivo (o cen é un número redondo). Nos demais casos úsase cento, sexa como numeral composto (setecentas), complexo (cento un) ou como substantivo (un cento de leitugas).

cen por cen, trinta por cen
A expresión cen por cen (e, con menos frecuencia, cen por cento e cento por cento) significa ‘a totalidade’. Mais, referido a un número fraccionario, úsese sempre a forma completa (trinta por cento) e non a apocopada (*trinta por cen).

undécima, décimo primeira
Os numerais ordinais 11º e 12º teñen cadansúa forma xunta e separada: undécimo ou décimo primeiro, duodécimo ou décimo segundo. As formas separadas manteñen o primeiro elemento invariable, polo que marcan o feminino e o plural só no segundo, así como nos determinantes: a décimo primeira, os décimo segundos. O mesmo criterio serve para os demais ordinais formados de dúas palabras: vixésimo primeira, trixésimo oitavos.

undécimo, onceavo
Como acabamos de ver, undécimo é un numeral ordinal que indica a posición 11 nunha serie. Onceavo é un partitivo, que expresa as partes en que está dividida a unidade, e bota man dun cardinal para designar as partes que se toman desa unidade: dous onceavos.

ducentésimo, dousmilésimo, dezmillonésimo
Trátase de tres numerais ordinais compostos moi pouco usados, referidos a posicións en series moi elevadas, que se escriben nunha soa palabra: ducentésimo (200º), dousmilésimo (2000º), dezmillonésimo (10.000.000º).

páxina trinta, trinta páxinas
Traemos estes dous exemplos aquí para chamar a atención sobre o cambio de significado de certos numerais segundo vaian antes ou despois do substantivo ao que modifican. O primeiro caso é un numeral cardinal usado como ordinal, que significa ‘trixésima páxina dunha serie’. O segundo é un numeral cardinal propiamente dito, que se refire a un ‘conxunto de trinta páxinas’.

primeiro de xaneiro, un de xaneiro
A maioría dos numerais que se refiren ao tempo (ou sexa, as horas do día, os días do mes, os meses do ano, os anos dun século, etc.), malia indicaren orde, exprésanse mediante cardinais: son as cinco e cuarto, o vinte e cinco de xullo, ano dous mil, século vinte. Exceptúanse algúns poucos casos: un de xaneiro ou primeiro de xaneiro, século un ou século primeiro.




xoves, clítoris, sífilis, humus
As palabras graves e esdrúxulas rematadas en –s son invariables en plural: pasaron catro xoves, estudan as sífilis primaria e secundaria. Inclúense neste grupo os latinismos non agudos rematados en –us: status, thesaurus, humus, lupus.

fax, télex, látex, tórax, unisex, relax, lux
As palabras agudas e graves rematadas en –x (pronunciado “ks”) son invariables en plural: os fax, varios tórax.

lied, lieder
Unhas poucas palabras procedentes doutros idiomas forman o plural non seguindo as regras do galego, senón conservando os plurais de orixe: lied, lieder; leu, lei; land; länder.

álbum, quórum, médium
Os latinismos rematados en –um incorporados plenamente á lingua forman o plural engadindo –s: álbum, álbums; quórum, quórums; médium, médiums. Tan só nalgún casos se conserva a forma latina do plural (en –a, -i ou outras): un curriculum vitae, varios curricula vitarum.

hábeas corpus, delírium tremens, mea culpa
Sintagmas emprestados do latín como hábeas corpus, delírium tremens ou mea culpa deben manterse invariables en plural, aínda que este emprego sexa pouco frecuente: sufriu varios delírium tremens no mesmo día; expresou tres mea culpa seguidas. Obsérvese que a integración no idioma implica acentuación segundo as regras do galego: hábeas, delírium, a diferenza dos non integrados: curriculum vitae.




MASCULINO E FEMININO

párroco, albeite, capataz, tenor
Estes nomes de profesións teñen só xénero masculino, igual que estoutros: o bispo, o barítono, o barman, o chofer, o shérif, o showman, o jockey. Daquela, se houbera que especificar que estas profesións están desempeñadas por mulleres diriamos un barman muller, un barman de sexo feminino.

matrona, gobernanta, doncela
Estes nomes de profesións teñen só xénero feminino, igual que estoutros: a institutriz, a palilleira, a vetete, a top model. Daquela, se houbera que especificar que estas profesións están desempeñadas por homes diriamos unha matrona home, unha matrona de sexo masculino.

mordomo, ama de chaves
Estes e outros poucos nomes de profesións presentan formas distintas para o masculino e para o feminino: a azafata, o auxiliar de voo, do mesmo xeito que os tradicionais xenro, nora.

o home, a especie humana
O sintagma especie humana emprégase cada vez máis para referirse á humanidade (homes e mulleres conxuntamente), evitando a forma masculina co significado de especie. Téñase en conta que este uso do masculino tamén se emprega cos animais: o gato é un animal doméstico.

unha soldado, unha muller soldado
Moitos nomes de profesións tradicionalmente masculinos, foron admitidos pola norma tamén en feminino, aínda que sen mudar a forma. Neste caso debe recorrerse aos determinantes para indicar o sexo feminino da persoa referente: unha soldado, unha muller soldado.

o profesorado, o alumnado
Formas xenéricas coma estas prefírense cada vez máis ás formas en masculino plural (os homes, os alumnos) cando designan homes e mulleres conxuntamente.

a titoría, a xefatura, a xerencia
As formas abstractas coma estas son outro recurso para evitar as formas en masculino plural (os titores, os xefes, os xerentes) cando aluden a homes e mulleres conxuntamente.

persoa solicitante, poboación galega
Para evitar o masculino singular con significado de home ou muller, recoméndase botar man de sintagmas que comecen por substantivos epicenos que designen ambos os sexos: persoa solicitante (por o solicitante), persoa con discapacidade (por o discapacitado), poboación galega (por os galegos), persoal da administración (por os administrativos).

compañeiros e compañeiras
O emprego das formas masculina e feminina coordinadas (alumnos e alumnas, todos e todas, nosoutros e nosoutras, etc.) pretende evitar o masculino plural con significado conxunto de homes e mulleres. Este recurso, que serve para certos formularios documentais ou para fórmulas protocolarias de introdución, é pouco recomendable en textos corridos de certa extensión, pois poden resultar ilexibles cando é moi abundante a presenza destas parellas.





celestina, lázaro, xudas, xan
Certos nomes propios de persoa lexicalizáronse como substantivos comúns, tomando o significado do personaxe histórico ou de ficción a que se referían: celestina (muller que actúa de intermediaria en asuntos amorosos), lázaro (persoa que padece lepra), xudas (persoa traidora), xan (home de pouco carácter).

Apóstolo, Rei Sabio, Península
Determinados apelativos de persoas ou de topónimos toman inicial maiúscula ao se referiren a personaxes ou lugares coñecidos por antonomasia: o Apóstolo (Santiago), o Rei Sabio (Afonso X), a Península (Ibérica).

Monsieur, Lord, Frau
Lémbrese que os tratamentos de linguas estranxeiras usados en galego tenden a escribirse con inicial maiúscula.

Pedro do Val, o señor Do Val
Partículas como as preposicións poden formar parte dos apelidos das persoas. Estas partículas escríbense con inicial minúscula usadas dentro do nome: Pedro do Val, pero van con inicial maiúscula se se usa o apelido comezando por ela: o señor Do Val.

Val do Dubra, val de Burón; Rúa do Vilar, rúa da Coruña
Os topónimos, ou nomes propios de lugar, escríbense con inicial maiúscula. Poden ir precedidos dun xenérico en minúsculas que indica o tipo de topónimo: río Sil, océano Atlántico, val de Burón, rúa da Coruña. En ocasións, estes xenéricos pasaron a formar parte do topónimo: Val do Dubra, Rúa do Vilar. Lémbrese que os xenéricos que se refiren a nomes de lugar doutro idioma adoitan ir sempre en maiúsculas: Rue de la Huchette, Via del Condotti, Oxford Street.

A Coruña, Os Ancares; a Arxentina, o Amazonas
Certos topónimos, como os que designan poboacións e comarcas, poden levar artigo inicial en maiúscula: A Coruña, Os Ancares. Porén, algúns nomes de países, de ríos e outros, aínda que se apoien por veces nun artigo, este non forma parte do topónimo: a Arxentina, o Amazonas.


ABREVIACIÓNS

INTERNET, Internet
Certas abreviacións poden aparecer escritas de varias formas: INTERNET (sigla) ou Internet (acrónimo) para ‘International Net’, E. S. O. (abreviatura) ou ESO (sigla) para ‘ensino secundario obrigatorio’, s (símbolo) ou seg. (abreviatura) para ‘segundo’. Aconséllase escribilas sempre da mesma maneira para evitar confusións.

xel, ‘profe’
Os truncamentos incluídos no dicionario escríbense coma outra palabra calquera: xel (xelatina), mol (molécula-gramo), bus (autobús). Aqueles usados sobre todo na lingua falada, sinálanse na escrita con comiñas ou en cursiva: ‘profe’ (profesor), ‘promo’ (promoción), ‘compa’ (compañeiro), ‘depre’ (depresión), ‘bici’ (bicicleta).

Sergas, Compos, ONU
Acrónimos e truncamentos referidos a denominacións propias toman inicial maiúscula: Sergas (Servizo Galego de Saúde), Compos (Sociedade Deportiva Compostela), a diferenza das siglas, que se transcriben con todas as súas letras en maiúscula: ONU (Organización das Nacións Unidas).

D., don; Excma., excelentísima; S., san
Abreviaturas de certos tratamentos protocolarios e apelativos toman maiúscula inicial, mentres que as formas plenas correspondentes se escriben en minúscula: D. por don; Excma. por excelentísima; S. por san.

FBI, KGB, SS
Moitas siglas carecen de correspondencia con palabras do idioma, xa que se tomaron emprestadas tal cal doutros: FBI (Federal Bureau of Investigation), KGB (policía secreta da Unión Soviética), SS (corpo de combate de elite da Alemaña nazi).

CIA, D. E. P.
As siglas fórmanse coa letra inicial das palabras principais dunha denominación escritas xuntas, sen espazo intermedio: CIA (Central Intelligence Agency), BNG (Bloque Nacionalista Galego), UXT (Unión Xeral de Traballadores). Pola súa banda, as abreviaturas que só toman as letras iniciais dunha denominación levan punto despois de cada unha ao que segue un espazo, coma se fosen palabras distintas: D. E. P. (descanse en paz), S. A. (sociedade anónima).




CONCORDANCIA

as mesas e as cadeiras brancas
Os determinantes e adxectivos concordan en xénero e número co substantivo ou pronome ao que acompañen.

chegaron el e ela xuntos
Dous substantivos ou pronomes de distinto xénero coordinados en singular concordan en masculino plural cos adxectivos e determinantes que os modifican.

moitas persoas, pouco público
Os substantivos epicenos refírense por igual a persoas de ambos os sexos mentres que os substantivos colectivos, tendo número singular, designan unha pluralidade de individuos. Nestes dous casos, a concordancia establécese en función do xénero e número gramatical do substantivo e non do sexo ou número de individuos do referente.

pisos primeiro e segundo, primeiro e segundo piso(s)
Varios numerais ordinais coordinados en singular poden acompañar un substantivo en singular ou en plural. Este vai en plural cando precede os numerais, pero se o substantivo figura posposto aos numerais, pode tomar singular ou plural.

o Miño, o Cantábrico, os Pireneos
Os determinantes manteñen a concordancia de xénero e de número co substantivo omitido: o [río] Miño, o [mar] Cantábrico; os [montes] Pireneos.

o pai e o fillo, a chuvia ou orballo
É obrigatorio repetir o determinante que modifica cada un dos substantivos coordinados. Exceptúase o caso dos substantivos unidos mediante ‘ou’ cando son sinónimos, no que se omite o segundo determinante, e tamén dos coordinados con ‘e’ cando aluden a aspectos parciais dun todo: o seu coidado e [Æ] dedicación foi total.

a necesaria selaxe e control, o necesario control e selaxe
Un adxectivo anteposto que modifica varios substantivos coordinados concorda só co primeiro deles.

pobo e xente galega, lingua e literatura inglesa
Un adxectivo posposto que modifica varios substantivos coordinados pode concordar en singular co máis próximo ou cos dous.

fachadas salmón, chaquetas azul mariño
Determinados nomes de cores (aqueles tomados de nomes de animais, froitas, flores, etc.) van sempre en singular. Tamén permanecen invariables os nomes de cores compostos de dous elementos.

dúas palabras clave, esas palabras son claves
O segundo elemento dos sintagmas compostos por dous substantivos, que funciona como adxectivo modificador do primeiro, vai en singular. Non sucede o mesmo cando os substantivos van separados polos verbos ‘ser’, ‘resultar’ e similares.


 

devengar, devengo
Ata hai pouco, o galego carecía de formas propias para as castelás devengar e devengo. Ben se empregaban estas dúas, ben se dicía o seu significado aproximado: producir xuros, percibir beneficios, etc. Recentemente, o dicionario normativo incluíu as voces devindicar (1. Xerar dereito a unha retribución. 2. Rexistrar os ingresos no momento en que nacen como dereitos ou obrigacións) e devindicación (cantidade devindicada, que se ten dereito a percibir), que veñen encher eses dous ocos léxicos.

o mesmo, a mesma
O adxectivo mesmo indica identidade entre dúas persoas ou cousas: obras do mesmo autor, son da mesma idade. Tamén serve para facer énfase sobre a exactitude de algo: coñecéronse neste mesmo parque. En certos ámbitos, estase a usar mesmo cun valor pronominal que non lle corresponde: é incorrecto dicir visitamos o castelo e saudamos os propietarios *do mesmo, que debe substituírse por visitamos o castelo e saudamos os seus propietarios.

derradeiro, último
Último e derradeiro distínguense en que este se refire ao último dunha serie pechada (os derradeiros de Filipinas, o derradeiro mohicano), mentres que último non ten por que achegar necesariamente este matiz.

bis, ter, quáter
Para sinalar a necesidade de repetir algo en certos contextos unha, dúas ou máis veces utilízanse os substantivos bis, ter, quáter, etc.: a cantante tivo que facer un bis (repetiu unha vez unha canción); o artigo catorce ter desta lei (artigo que houbo que repetir dúas veces como consecuencia de dúas modificacións).

bacharel, bacharelato
Bacharel refírese á persoa que estudaba ou que xa rematou os estudos de bacharelato, mentres que o bacharelato é unha etapa de estudo secundario e o grao correspondente.

breve, pouco
Non se confunda breve (curto, de pouca duración) con pouco: evítese dicir rematamos en *breves minutos, e dígase rematamos nuns (poucos) minutos.

colectivo, grupo
Como adxectivo, colectivo refírese a un conxunto de persoas ou a unha colectividade: intereses colectivos, exposición colectiva. Como substantivo, o dicionario defíneo como “Conxunto de persoas agrupadas para exercer unha determinada actividade en común ou por intereses laborais, profesionais, etc. Un colectivo de artistas”. Se non se da esta agrupación de intereses, dígase grupo: evítese un *colectivo de turistas despistouse da ruta, e dígase un grupo de turistas despistouse da ruta.

problemática, problema
O dicionario define problemática como o “Conxunto de problemas que presenta unha determinada cuestión. Coñece ben a problemática do sector pesqueiro”. Ora ben, non é sinónimo de ‘problema’: evítese *a problemática do día a día, e dígase os problemas do día a día.

hispanoamérica, América Latina
Hispanoamérica é unha rexión integrada polos estados americanos onde se fala español. América Latina é un concepto que inclúe os países americanos colonizados por España, Portugal e Francia, países con linguas latinas.

senllos, cadanseu
Senllos significa ‘un a cada un’: os padriños acenderon senllos cigarros. Cadanseu expresa unha distribución de unidades, de xeito que a cada posuidor lle corresponde o mesmo número de obxectos posuídos: os nenos teñen cadansúa consola, mercaron cadanseus zapatos.

entrambos, entre ambos
Entrambos equivale a ‘ambos’, ‘ous dous’. Entre ambos significa ‘no medio dos dous’.

minusvalía, minusvalidez
Distíngase minusvalía, ‘diminución do valor dunha cousa’, de minusvalidez, ‘calidade de minusválido’.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Graciñas por participares nesta páxina.