domingo, 17 de xullo de 2016

Novos femininos



Como se sabe, a terminación –o refírese polo xeral a substantivos masculinos e a terminación –a, a substantivos femininos. Mais, aínda hoxe se escoita unha muller médico, a avogado ou o camareiro (persoa que atende os clientes en bares e restaurantes) e a camareira (muller que limpa e ordena os cuartos dun hotel). Estas e outras voces poderían ser cualificadas como exemplos de sexismo lingüístico na medida en que a forma de expresión resulta inadecuada. As marcas de sexismo lingüístico son, polo xeral, o tratamento diferenciado ou pexorativo da muller e a invisibilidade da muller no discurso.  
Por que razóns se evita médica ou avogada? E por que o substantivo feminino camareira alude a unha profesión considerada de inferior categoría á do masculino camareiro? As linguas reflicten, en parte, a realidade social a través das súas palabras e os dicionarios dan testemuño desta realidade recollendo e definindo as súas voces. Nas últimas tres décadas obsérvase unha tendencia a incluír, nos compendios normativos galegos, cada vez máis novos nomes de profesións en feminino que antes non existían.
 

xoves, 7 de xullo de 2016

Xénero gramatical e sexo





En galego o xénero é unha clase ou tipo á que pertencen as cousas, coma tal un trazo gramatical que clasifica determinadas palabras en masculinas e femininas. Daquela, cando falamos de “perspectiva de xénero” ou de “violencia de xénero” estamos querendo dicir “perspectiva feminina” ou “violencia contra as mulleres”. A razón desta confusión radica en que usamos o substantivo xénero como se usa en inglés gender, que si ten unha acepción que alude ao sexo. Logo, xénero e sexo son dúas cousas distintas para nós.