En galego o xénero é unha
clase ou tipo á que pertencen as cousas, coma tal un trazo gramatical que
clasifica determinadas palabras en masculinas e femininas. Daquela, cando
falamos de “perspectiva de xénero” ou de “violencia de xénero” estamos querendo
dicir “perspectiva feminina” ou “violencia contra as mulleres”. A razón desta
confusión radica en que usamos o substantivo xénero como se usa en inglés gender,
que si ten unha acepción que alude ao sexo. Logo, xénero e sexo son dúas cousas
distintas para nós.
XÉNERO GRAMATICAL E SEXO: A VISIBILIDADE DO FEMININO
O
galego ten dous xéneros gramaticais, masculino e feminino, aos que se adscriben
todos os substantivos do idioma. A marca característica de xénero tamén a poden
tomar os adxectivos, pronomes e determinantes que acompañan o nome. Polo xeral,
as palabras son masculinas ou femininas de xeito arbitrario; porén, un pequeno
grupo formado polos nomes referidos ás persoas e a algúns animais sexuados si
toma un ou outro xénero en función do sexo do individuo. Algúns destes
substantivos tamén teñen marcas formais de feminino e outros non.
Así
as cousas na lingua, tendencias sociais recentes reclaman igualdade da muller
fronte ao home en todos os aspectos da vida, tamén na presenza do feminino
(identificado coa muller), fronte ao masculino xenérico, usado en ocasións para
referirse a homes e mulleres en conxunto. Esta circunstancia acentúase en
idiomas coma o inglés, cuxa inmensa maioría de substantivos serven tanto para o
masculino como para o feminino (teacher
é tanto profesor como profesora; e pupil
é tanto alumno como alumna). Cando se quere precisar o sexo non serven os
artigos nin os adxectivos, pois tampouco varían de forma, e recórrese aos
substantivos male ou man para os homes e female ou woman para as
mulleres (así teremos a male pupil ou
a female pupil, e a man teacher ou a woman teacher). Quizais por influencia do inglés, tamén en galego
numerosos colectivos xunto con cada vez máis institucións públicas aconsellan
maneiras formais distintas de mudar o tradicional inmobilismo neste ámbito. A
partir de aquí, onde antes só había masculinos comezan a aparecer novos
femininos non sempre recollidos pola norma, que
camiña a unha velocidade máis lenta no que se refire aos cambios, e outros
recursos para ‘facer visibles’ as mulleres.
A
realidade gramatical
En
primeiro lugar, a gramática afirma que son masculinos os substantivos rematados
en –o e femininos os substantivos
rematados en –a, en ambos os casos
con bastantes excepcións. Un terceiro grupo de substantivos, os rematados en –e, poden ser tanto masculinos como
femininos. Outro tanto pasa cos substantivos rematados en consoante, sobre todo
en –n, -l, -r, -s e –z, que poden
adoptar un ou outro xénero segundo os casos. No conxunto da lingua, existen
bastantes máis palabras femininas ca masculinas.
No
referido a determinados substantivos animados (persoas e animais sexuados),
podemos atopar tamén unha ou varias marcas formais referidas ao xénero. Con
varias marcas (determinante + -Æ/-a): o rapaz/a rapaza; cunha soa marca formal (determinante): o acompañante/a acompañante; e, no peor dos casos, sen ningunha
marca aínda poderemos botar man doutras palabras do discurso, coma no caso do
inglés, para sinalar o sexo: un paspallás
macho/un paspallás femia, un acompañante home/un acompañante muller.
En
segundo lugar, a gramática dinos tamén que, no grupo de substantivos animados,
á parte do significado masculino-macho e feminino-femia, debemos considerar
estoutros usos. Así, o masculino plural tamén pode referirse a individuos dun e
doutro sexo conxuntamente: os gatos da
veciña dormen no meu tellado (poden ser animais machos e femias). Do mesmo
xeito o masculino, nomeadamente usado en singular, pode aludir a todos os
individuos da especie: o gato é un felino.
Tampouco é infrecuente nos animais domésticos que a forma feminina englobe toda
a especie: a galiña, a vaca, a ovella;
situación que tamén se dá noutros casos: a formiga,
a xirafa, a gacela, a aguia, a lagosta, a pescada, etc. (en realidade,
trátase de epicenos, que designan individuos de calquera dos sexos sendo só
masculinos ou só femininos na súa forma).
Animais
sexuados
Individuo(s)
|
Con
variación formal de xénero
|
Sen variación formal de xénero
|
|
Un macho
|
Un
gato
|
Un
paspallás macho
|
Unha
formiga macho
|
Unha femia
|
Unha
gata
|
Un
paspallas femia
|
Unha
formiga femia
|
Varios machos
|
Uns
gatos
|
Uns
paspallás machos
|
Unhas
formigas machos
|
Varias femias
|
Unhas
gatas
|
Uns
paspallás femias
|
Unhas
formigas femias
|
Machos e femias
|
Os
gatos, os gatos e as gatas
|
Os
paspallás, os paspallás machos e femias
|
As
formigas, as formigas machos e femias
|
Especie (sen marcar
o xénero)
|
O
gato, os gatos, a especie gato
|
O
paspallás, os paspallás, a especie paspallás
|
A
formiga, as formigas, a especie formiga
|
O
emprego do masculino máis alá do seu significado recto descrito no parágrafo
anterior (para designar un ou varios machos) está, cada vez máis, a se evitar
cando fai referencia a persoas. Partindo da idea básica de ‘facer visible’ a
muller a través da lingua, rexéitanse anteriores criterios inmobilizados no
masculino pasando a estoutros usos ou recomendacións habituais:
― Desbótase o masculino xenérico e tamén
o masculino referido á especie, co cal o masculino refírese sempre a home e o
feminino, sempre a muller, tanto en singular coma en plural: o home (un macho), os homes (varios machos), a
muller (unha femia), as mulleres
(varias femias).
―
Substitúense os dous usos tradicionais anteriores (masculino xenérico e
masculino referido á especie) por outros recursos non marcados en xénero: especie humana (por o home) ou recórrese
a denominacións xenéricas, abstractas ou neutras: secretaría (por o secretario
e a secretaria), persoas (por os homes e as mulleres), data de nacemento (por nacido/nacida o).
―
Aparecen novos femininos formais, non sempre recollidos polo dicionario normativo, onde antes só había masculinos: *unha edila (por unha edil).
―
Desdóbranse os plurais, sobre todo nas partes introdutorias de certos
documentos: señoras e señores, amigos e
amigas.
Seres
humanos
Individuo(s)
|
Con
variación formal de xénero
|
Sen variación formal de xénero
|
|
Un macho
|
Un
cociñeiro
|
Un
militar
|
Un
soldado
|
Unha femia
|
Unha
cociñeira
|
Unha
militar
|
Unha
muller soldado
|
Varios machos
|
Uns
cociñeiros
|
Uns
militares homes
|
Uns
soldados homes
|
Varias femias
|
Unhas
cociñeiras
|
Unhas
mulleres militares
|
Unhas
mulleres soldados
|
Machos e femias
|
Os
cociñeiros*
|
Os
militares*
|
Os
soldados*
|
Neutro (sen marcar
o xénero)
|
O
cociñeiro*, os cociñeiros*
|
O
militar*, os militares*
|
O
soldado*, os soldados*
|
*Solucións criticadas por
aquelas persoas que rexeitan o masculino con significado de machos e femias conxuntamente
e con significado xeral ou neutro e que propoñen substituír por estoutras duplicadas:
os cociñeiros e as cociñeiras, os homes e
as mulleres militares, os homes e as mulleres soldados. Estas solucións
poden ser válidas cando o substantivo se refire a machos e femias, pero
resultan moi discutibles cando el adquire un significado neutro sen referencia
ningunha ao xénero: como exemplos de
profesións disciplinadas temos o(s) militar(es) e o(s) cociñeiro(s).
Criterio
conservador
O
criterio conservador foi seguido ata hai unhas poucas décadas polas principais
linguas da nosa contorna, incluído o galego. Aínda que moitas delas puidesen dispor
de formas femininas marcadas, de feito utilizaban o masculino por sistema tanto
cando se referían a homes e a mulleres conxuntamente como cando aludían á
especie. Os dicionarios, por exemplo, apenas consideraban as formas femininas
referidas a oficios, cargos e profesións, palabras que figuraban en boa medida
inmobilizadas nun único xénero, o masculino: o xuíz, o médico, o procurador.
Tendencia
á substitución
A
tendencia substitutiva que estamos a vivir na actualidade segue a liña contraria
ao criterio conservador. Identificando feminino con muller, aplica o principio
básico de que o masculino referido a persoas só alude a individuos machos,
tanto en singular coma en plural, e o feminino só se refire a individuos
femias. Isto implica, dunha banda, a necesidade de xerar novos femininos de
substantivos fixados ata agora no masculino ou que non presentaban variación
formal de xénero; e, doutra, substituír os masculinos empregados de forma xeral
ou co significado de especie por outros recursos cuxa forma faga explícita a
presenza das mulleres nesa parte da mensaxe. Obsérvese de que xeito, nesta
tendencia, criterios de uso social están implicando cambios lingüísticos.
1.
Novas formas femininas aparecen onde antes só había masculinos: o xuíz/a xuíza, o médico/a médica, o
procurador/a procuradora, o axudante/a axudanta, o oleiro/a oleira. Porén,
determinados substantivos referidos a profesións consérvanse ancorados nun
único xénero, como epicenos: o soldado, o
albanel, o matachín, o crego, o mimo (epicenos masculinos); a azafata, a palilleira, a sentinela, a vedete,
a modista (epicenos femininos). Repárese en que outras formas epicenas e
colectivas tamén designan un individuo tanto de sexo masculino como feminino: a persoa, o individuo, a testemuña, o bebé,
a cría, a familia, a infancia, a xuventude, a humanidade, o equipo.
2.
Prefírense as formas xenéricas para substituír os masculinos plurais con
significado conxunto de homes e mulleres: o
funcionariado (por os funcionarios),
o alumnado (por os alumnos), o profesorado
(por os profesores). Tamén se recorre
adoito ás formas abstractas, que comentaremos en detalle máis adiante: a titoría (por os titores), a xefatura
(por os xefes), a diplomatura (por os diplomados),
a xerencia (por os xerentes). Outro recurso habitual consiste en botar man das paráfrases
formadas a partir das palabras persoa,
poboación, persoal e similares: persoa
interesada (por interesado), persoa solicitante (por solicitante), persoa con discapacidade (por discapacitado),
poboación luguesa (por os lugueses), persoal da administración (por os
administrativos).
Tendencia
á xustaposición
O
recurso á xustaposición consiste en recoller as formas masculinas e femininas,
unha de par da outra, cando se alude a homes e mulleres conxuntamente. As
formas dobres poden ir xustapostas: distinguido
señor/distinguida señora, señora/señor; ou fundidas, polo xeral abreviando
o feminino: señor/a, señor(a), Sr./Sra., o/a
presidente/a.
O
signo máis habitual usado para separar os dous substantivos é a barra, coa que
se pretende indicar, de forma sintética, que se trata de formas alternativas.
Se ben este signo pode servir para encabezamentos de certos textos ou para
aforrar espazo en táboas ou anuncios como vemos nos exemplos anteriores,
recoméndase substituílo no texto corrido por estoutros recursos coordinados que
sirvan tamén para a lingua falada: aqueles
traballadores ou traballadoras que reclamaron en prazo terán dereito a...; distinguido
señor e distinguida señora: ...
Canto
á concordancia coas formas masculinas e femininas, recoméndase marcar o xénero
unicamente nos determinantes que vaian cos substantivos principais,
conservando en masculino plural o resto, incluídos os adxectivos e participios
vinculados ao nome que rexe: os e as
axentes implicados no caso foron cautos na resposta. Estes mesmos decidiron manter silencio cando os acurralaron a
preguntas comprometidas.
Criterio
ecléctico
1.
Algunhas dificultades para aplicar a substitución
A
aparición de novos femininos non ten máis limitacións das que fixa a propia
lingua. Váiase con xeito neste terreo, pois non todos os substantivos referidos
a persoas permiten marcas formais de feminino: non se admite bedel/*bedela, edil/*edila, albalel/*albanela
nin alguacil/*alguacila; senón o/a bedel, o/a edil, o albanel, o alguacil;
de igual xeito, tampouco teñen masculinos a
matrona, a doncela ou a costureira.
O
uso de novos femininos (e, nalgúns casos, tamén de novos masculinos) pode
facerse con formas novas e tamén con substantivos que xa teñen outros
significados. Así, teremos coidado en empregar ben asistente/asistenta, camareiro/camareira ou infante/infanta, cuxas formas femininas presentan tradicionalmente unhas acepcións
coincidentes e outras diverxentes das correspondentes masculinas. Noutros
casos, cada unha das palabras da parella ten acepcións diferentes, coma no caso
de sacerdote/sacerdotisa, abade/abadesa,
monxe/monxa. Tamén pode darse o caso de que as formas femininas se viñesen
usando para designar a ‘muller de’: xenerala,
alcaldesa, presidenta; nun sentido despectivo ou burlesco: crega, sarxenta, coronela; pala aludir a
determinadas áreas de coñecemento: política,
música, informática; grupos e compañías: policía, editora, brigada; ou obxectos: cazadora, carteira, gardarroupa.
Xa
vimos o caso dos substantivos dun único xénero (epicenos) que designan
individuos dun ou doutro sexo e perífrases que cambian o estilo da frase.
Repárese en que estas últimas poden facerse moi pouco recomendables cando se
usan de forma repetida ao longo dun texto extenso (persoa solicitante, persoa interesada, persoa titular...) e en que
os epicenos non cambian de xénero: non existen *as membras nin *os sentinelos.
O
recurso a formas xenéricas ou abstractas merece un comentario á parte. Ambas,
pero en especial estas últimas, en moitas ocasións teñen un significado distinto
do expresado pola palabra substituída:
Lectorado
(por lectores [e lectoras])
lector/a: é
un substantivo que significa ‘a persoa que ensina lingua e literatura
doutro país’.
lectorado: é
un substantivo que significa ‘cargo ou posto de lector’.
Titoría
(por titores [e titoras])
titor/a: é
un substantivo pode significar ‘persoa encargada de exercer a tutela de
alguén’ ou ‘profesor responsable da orientación dun alumno ou dun grupo de
alumnos’.
titoría: é
un substantivo que significa ’cargo ou función de titor’.
Infancia
(por nenos [e nenas])
neno/a: é
un substantivo que significa ‘persoa que está na nenez’.
infancia: é
un substantivo que significa ‘período da vida humana que vai desde o
nacemento ata a adolescencia’.
Presidencia
(por presidente/a)
presidente/a: é
un substantivo que significa ‘persoa que preside un goberno, unha
empresa, un tribunal, etc.’.
presidencia: é
un substantivo que pode significar ‘cargo de presidente’ ou tamén ‘conxunto
de servizos administrativos e oficinas dependentes do presidente’.
Avogacía
(por avogados/as)
avogado/a: é
un substantivo que significa ‘persoa que ten como profesión asesorar en
asuntos xurídicos’.
avogacía: é
un substantivo que significa ‘profesión e exercicio da profesión de
avogado’.
2.
Algunhas dificultades para aplicar a xustaposición
Cando
se recorre á utilización de formas dobres estase a evitar os usos do masculino
plural con valor xenérico ou do masculino (normalmente en singular) con valor
neutro, sen determinación de sexo. A duplicación de formas pode ser un recurso
formal no principio de certos textos protocolarios ou fixados, como discursos,
cartas ou modelos de solicitude, pero resultará moi pesado o seu emprego ao
longo dunha secuencia de certa extensión, como tamén dixemos das perífrases.
Imaxinemos, por exemplo, un parágrafo que recolla todos estes casos: compañeiros e compañeiras, delegados e
delegadas, encargados e encargadas, todos e todas, traballadores e
traballadoras, recibidos e recibidas, os nosos fillos e as nosas fillas, algúns
deles e algunhas delas, nosoutros e nosoutras, etc.
Empeñándonos
en recoller as marcas formais de feminino a eito, podemos acabar dificultando a
comprensión do texto, facéndoo menos claro e poñendo en risco a finalidade
comunicativa básica da mensaxe que se desexa transmitir. Antes recomendamos
marcar o xénero unicamente no nome principal e mais nos seus determinantes, se
os tivese, continuando o discurso en masculino plural para non recargalo. Si se
poden desdobrar as formas para desfacer ambigüidades (coma por exemplo: prefiro os gatos aos cans / prefiro os gatos
machos aos cans) ou cando se comece unha nova secuencia. Ademais, valórese
a utilidade do masculino con valor xenérico neutro en casos coma estes: viñeron Pedro e Xoana? Si, viñeron ambos;
ou nas definicións dun dicionario en voces como ‘carpintaría’: arte ou oficio do carpinteiro.
Conclusións
1.
Os substantivos galegos referidos a persoas e a algúns animais sexuados poden
presentar, ou non, marcas formais de xénero, en especial cando se refiren á
muller.
2.
Existen outros recursos, coma tal os determinantes, que nos permiten indicar o
sexo dun individuo concreto ao que nos queremos referir.
3.
Tenden a evitarse, sobre todo en certos tipos de textos, os masculinos cando adquiren
estes dous matices fóra do seu significado recto: un, machos e femias
conxuntamente; e, dous, significado neutro ou de especie, sen referencia ningunha
ao sexo do individuo en cuestión.
4.
Substitúense os dous casos anteriores por formas masculinas e femininas
xustapostas, mais tamén por outras palabras ou expresións que fagan explícita a
presenza das mulleres e desfagan posibles malentendidos.
5.
Os cambios introducidos non deben forzar as estruturas lingüísticas, empeorando
a calidade estilística do texto, nin afectar a correcta comprensión da mensaxe.

Ningún comentario:
Publicar un comentario
Graciñas por participares nesta páxina.