xoves, 16 de xuño de 2016

Numerais


Os numerais son palabras que expresan un número, unha posición nunha serie, unha multiplicación ou unha partición.
Segundo o que expresen, hai catro os tipos de numerais:

· Os cardinais expresan unha cantidade: tres peras.
· Os ordinais expresan orde nunha sucesión: chegou en terceira posición.
· Os multiplicativos expresan multiplicación:  gaña o triplo ca min.
· Os partitivos expresan división: comemos un terzo da torta.

Nesta entrada tamén atoparás uns cadros cos principais numerais, outras palabras consignificado numeral, grafías particulares dos numerais e a numeración dashoras.   
 



NUMERAIS CARDINAIS E NUMERAIS ORDINAIS

Núm.
Cardinais
Núm. orde
Ordinais
0
cero
 
1
un, unha
1º, 1ª
primeiro/-a
2
dous, dúas
2º, 2ª
segundo/-a
3
tres
3º, 3ª
terceiro/-a
4
catro
4º, 4ª
cuarto/-a
5
cinco
5º, 5º
quinto/-a
6
seis
6º, 6ª
sexto/-a
7
sete
7º, 7ª
sétimo/-a
8
oito
8º, 8ª
oitavo/-a
9
nove
9º, 9ª
noveno/-a
10
dez
10º, 10ª
décimo/-a
11
once
11º, 11ª
undécimo/-a, décimo primeiro/-a
12
doce
12º, 12ª
duodécimo/-a, décimo segundo/-a
13
trece
13º, 13ª
décimo terceiro/-a
14
catorce
14º, 14ª
décimo cuarto/-a
15
quince
15º, 15ª
décimo quinto/-a
16
dezaseis
16º, 16ª
décimo sexto/-a
17
dezasete
17º, 17ª
décimo sétimo/-a
18
dezaoito
18º, 18ª
décimo oitavo/-a
19
dezanove
19º, 19ª
décimo noveno/-a
20
vinte
20º, 20ª
vixésimo/-a
21
vinte e un, vinte e unha
21º, 21ª
vixésimo primeiro/-a
22
vinte e dous, vinte e dúas
22º, 22ª
vixésimo segundo/-a
30
trinta
30º, 30ª
trixésimo/-a
40
corenta
40º, 40ª
cuadraxésimo/-a
50
cincuenta
50º, 50ª
quincuaxésimo/-a
60
sesenta
60º, 60ª
sesaxésimo/-a
70
setenta
70º, 70ª
septuaxésimo/-a
80
oitenta
80º, 80ª
octoxésimo/-a
90
noventa
90º, 90ª
nonaxésimo/-a
100
cen, cento
100º, 100ª
centésimo/-a
1000
mil
1000º, 1000ª
milésimo/-a
1 000 000
millón
1 000 000º,
1 000 000ª
millonésimo/-a

 

NUMERAIS MULTIPLICATIVOS E NUMERAIS PARTITIVOS

Número de veces máis
Multiplicativos
Número de veces menos
Fraccionarios
x 2
dobre; duplo/-a
: 2
medio/-a
x 3
triplo/-a
: 3
terzo/-a, terceiro/a
x 4
cuádruplo/-a
: 4
cuarto/-a
x 5
quíntuplo/-a
: 5
quinto/-a
x 6
séxtuplo/-a
: 6
sexto/-a
x 7
séptuplo/-a
: 7
sétimo/-a
x 8
óctuplo/-a
: 8
oitavo/-a
x 9
nónuplo/-a
: 9
noveno/-a
x 10
décuplo/-a
: 10
décimo/-a
x 11
once veces
: 11
onceavo/-a, undécimo/-a
x 12
doce veces
: 12
doceavo/-a, duodécimo/-a
x 100
céntuplo/-a
: 100
centésimo/-a
x 1000
mil veces
: 1000
milésimo/-a
X 1 000 000
un millón de veces
: 1 000 000
millonésimo/-a

 

Numerais cardinais

1. Os numerais cardinais expresan a cantidade de elementos dun conxunto.

2. Os numerais cardinais poden funcionar como adxectivos (quero tres pasteis), como pronomes (cantos pasteis queres? Quero tres) ou como substantivos (o tres de bastos).

3. Formación dos cardinais

Cardinais simples
Fórmanse cunha soa palabra os cardinais que van do cero ao quince, as decenas ata noventa, cen mil, millón, billón e así sucesivamente.
 
Cardinais compostos e complexos
Os demais cardinais fórmanse con varias palabras, unhas veces grafadas xuntas (compostos):  dezanove, novecentos; e outras, separadas (complexos): vinte e tres, oitenta e nove, douscentos cincuenta e seis, mil millóns douscentos mil.
 

 

4. A información que se ofrece na ortografía composta pode ser de tres tipos: sumativa (cento cincuenta e tres = 100 + 50 + 3), multiplicativa (tres mil = 3 x 1000) ou mixta combinando os dous tipos anteriores (tres mil douscentos = 3 x 100 + 2 x 100).

5. Xénero e número dos cardinais

Xénero
Adxectivos
Os adxectivos numerais cardinais toman o xénero do substantivo ao que se refiren e preceden: os cinco corredores, as tres bailarinas.
Un/unha, dous/dúas, centos/centas e os seus compostos teñen marcas formais de xénero (trinta e unha leitugas, oitenta e dúas horas, vinte e unha mil leguas), pero o resto non: sete horas, vinte e cinco mazás, mil libras.
 
Substantivos
Os substantivos numerais cardinais toman o xénero masculino: o tres, o dezaseis, o douscentos.
 
Número
Adxectivos
Os adxectivos numerais cardinais non presentan variación de número. Un é sempre singular (un euro) e o resto son plurais, incluído cero (teño cero euros, estes vinte euros).
 
Substantivos
Todos os numerais cardinais poden tomar plural cando son substantivos: ten un número de teléfono con catro uns tres douses e dous treses.
Nótese que centena, millar, millón, billón, trillón e así sucesivamente son sempre substantivos, e con moita frecuencia cento e mil, polo que forman o plural como tales (centos, miles, millares, millóns, billóns, trillóns). Estes substantivos van sempre seguidos da preposición de (un millón de euros), a diferenza do que sucede cando forman parte dun numeral complexo (un millón douscentos mil euros).
Non se confunda mil millóns, ou sexa, mil veces un millón (109) con un billón, ou sexa, un millón de millóns (1012). Pasa o mesmo con billón, trillón (1018)e cuadrillón (1024).
 

 

6. A forma un/unha ademais de cardinal tamén pode ser artigo indeterminado, sen ningún significado numérico: chamou un home por teléfono. En plural, uns/unhas é case sempre artigo indeterminado, agás cando funciona como substantivo en masculino: o neno escribiu toda a páxina chea de uns.

Un, como artigo indeterminado e como adxectivo, contrae coas preposicións de, en e con: dun, nun, cun. Como pronome contrae con de e en, mais non contrae coa preposición con: saudoume con dous bicos, non con un.

7. O numeral cento pode usarse coa forma plena ou abreviada: cen. Úsase o adxectivo cen ante un substantivo (cen amigos) e ante mil (cen mil euros) para formar numerais compostos. Tamén se usa cen cando é pronome (cantos euros queres? Quero cen) ou substantivo (o cen é un número redondo). Nos demais casos úsase cento, sexa como numeral composto (setecentas), complexo (cento un) ou como substantivo (un cento de leitugas).

Repárese na diferenza de significado entre cen repolos, douscentos repolos (adxectivos numerais 100 e 200) e un cento de repolos, dous centos repolos (substantivos, que significan unha vez cento e dúas veces cento, respectivamente).

Úsase a expresión cen por cen (e, con menos frecuencia, cen por cento e cento por cento) co significado de ‘a totalidade’. Mais, cando se refire a un número fraccionario, úsese sempre a forma completa (trinta por cento) e non a apocopada (*trinta por cen).

8. En matemáticas, existen numerais con cometidos específicos, coma tal algúns expoñentes ou potencias, que adoptan denominacións particulares: 32 = tres (elevado) ao cadrado; 33 = tres (elevado) ao cubo.

9. Ademais de cero, a ausencia de elementos tamén se pode indicar cos indefinidos ningún, nada e res.

Numerais ordinais

1. Os numerais ordinais expresan orde, sucesión ou prioridade.

2. Os numerais ordinais funcionan, polo xeral, como adxectivos: chegou en terceira posición;  algunhas veces, como pronomes: quedou de quinto (posto), estuda terceiro (de carreira); ou, esporadicamente, como substantivos: está de segundo na empresa. Algúns ordinais mesmo poden funcionar como adverbios: primeiro fas os deberes e logo descansas. Tamén poden formarse adverbios a partir dalgúns adxectivos numerais ordinais aos que se lles engade a terminación –mente: primeiramente, ultimamente.

3. Formación dos ordinais

Ordinais simples
Fórmanse nunha soa palabra os numerais ordinais que van do primeiro (1º) ao noveno (9º); as decenas ata o noventa: décimo (10º), trixésima (30ª), sexaxésimas (60as); as centenas ata novecentos: centésimo (100º; milésimo (1000º) e millonésimo (1 000 000º).
 
Ortografía compostos e complexos
Os demais ordinais fórmanse con varias palabras, escritas xuntas:  ducentésimo (200º), dezmillonésimo (10 000 000º); ou separadas:  vixésimo cuarta (24ª), centésimo primeiro (101º).
 
Os numerais ordinais 11º e 12º teñen cadansúa forma xunta e separada: undécimo ou décimo primeiro, duodécimo ou décimo segundo.
 

 

4. Todos os numerais ordinais toman marca de xénero (primeiro/primeira, décimo/décima) e de número (primeiros/primeiras, décimos/décimas). Nos compostos e complexos, os morfemas de xénero e número só se marcan na derradeira palabra: vixésimo primeira intervención, é a dousmilésima peza que fago.

Repárese en que, nos cardinais usados como ordinais, a concordancia pode darse co substantivo ao que seguen: a páxina duascentas (concordancia co substantivo páxina) ou co substantivo elidido número: a páxina douscentos.

5. Os numerais ordinais lense como tales ata o 10º (“primeiro”, “segundo”, “terceiro”...). A partir de aquí, pode seguirse o mesmo criterio: posición 13ª (“posición décimo terceira”) ou facelo coma se fosen cardinais (“posición trece”), cousa que  tamén pode afectar aos primeiros da serie na escrita: páxina primeira ou páxina unha.

6. Polo xeral, os adxectivos ordinais poden ir tanto antepostos como pospostos ao substantivo: a páxina segunda do libro ou a segunda páxina do libro, sobre todo cando se empegan os primeiros elementos da serie. Non obstante, danse certos usos fixados nunha posición concreta: dise o trixésimo sexto (ou o trinta e seis) Festival de Cine de Cans, publicou a súa primeira novela, pero a páxina cento cincuenta e nove. Os cardinais usados como ordinais van sempre pospostos: nótese o cambio de significado dos seguintes numerais segundo vaian colocados antes ou despois do substantivo: páxina trinta (numeral ordinal: trixésima páxina dunha serie) / trinta páxinas (numeral cardinal: dise dun conxunto de 30 páxinas).

7. As horas do día, os días do mes, os meses do ano, os anos dun século, os séculos dun milenio e os milenios tamén indican orde, aínda que polo xeral se expresan con cardinais: as cinco e cuarto, o vinte e cinco de maio, o ano dous mil, o século vinte. Exceptúanse algúns poucos casos, tanto na lectura coma na escrita: primeiro de xaneiro (ou un de xaneiro), século segundo (ou século dous). Os meses desígnanse polo xeral polos seus nomes (5/7/2016,  lido “cinco de xullo de dous mil dezaseis”, aínda que ás veces tamén “cinco do sete de dous mil dezaseis”).

Numerais multiplicativos

1. Os numerais multiplicativos expresan multiplicación.

2. Os multiplicativos funcionan, polo xeral, como adxectivos (un triplo salto) e tamén como substantivos (saltou o triplo que antes).

3. Escríbense nunha soa palabra de os numerais que multiplican por dous (dobre, duplo) ata os que multiplican por dez (décuplo) e tamén o que multiplica por cen (céntuplo). O resto fórmase co cardinal correspondente máis o substantivo veces, as frases veces máis ou veces maior:  o avó é quince veces máis vello do que o neno.

4. Os adxectivos multiplicativos, salvo dobre, fórmase coa terminación -plo/-pla, polo que presentan variación de xénero e de número -o/-a, -os/-as: cuádruplo/cuádrupla/cuádruplos/cuádruplas. Os substantivos multiplicativos son sempre masculinos e van adoito precedidos dun artigo: o triplo, un cuádruplo.

5. Os substantivos bienio (dous anos), trienio (tres anos), cuadrienio (catro anos) quinquenio e lustro (cinco anos), sexenio (seis anos), década ou decenio (dez anos), centuria (cen anos) e milenio (mil anos) tamén expresan unha multiplicación da unidade de tempo ano.

Numerais partitivos

1. Os numerais partitivos expresan unha ou máis partes iguais da unidade.

2. Poden funcionar como adxectivos (a terceira parte do ano) ou como substantivos (un terzo dos asistentes, faltoulle unha centésima).


3. Os partitivos tamén se denominan fraccionarios porque a parte ou partes dun todo tomadas indícanse en forma de fracción. En xeral, a fracción exprésase mediante dous numerais: tres quintos: 3/5. Primeiro vai un cardinal que designa as partes que se toman da unidade e logo outro numeral que designa en cantas partes está dividida a unidade. Este segundo numeral, que presenta formas diferenciadas para referirse a dous e a tres (medio, terzo), bota man doutros recursos segundo o partitivo de que se trate.  Así, pode tomar un ordinal ou un cardinal + -avo/-ava.

O segundo elemento do partitivo fórmase cun ordinal nos seguintes casos:
            -Entre o 4 e o 10: un quinto (1/5), dous oitavos (2/8).
            -No 100 e nos seus compostos: dúas centésimas (2/1000), unha tricentésima      (1/300).
            -No 1000 e compostos: unha milésima (1/1000), dousmilésima (1/2000).
            -No 1 000 000 e compostos: millonésimo (1/1 000 000), dezmillonésima 
          (1/10 000 000).

O segundo elemento do partitivo pode formarse indistintamente cun ordinal ou cun cardinal +-avo/-ava os seguintes casos:
            -Entre o 11 e o 19: tres undécimos (3/11), tres onceavos (3/11); cinco décimo      quintos (5/15), cinco quinceavos (5/15).
            -Nas decenas entre 20 e 90: sete vixésimos (7/20), sete vinteavos (7/20); dez      cuadraxésimos (10/40), dez corentavos (10/40).

No resto de casos, o segundo elemento do partitivo é sempre un cardinal +-avo/-ava: dous vinte e tresavos (2/23), sete trinta e dousavos (7/32).
Cando se toma unha soa das partes en que está dividida a unidade, ás veces omítese esa información numérica: a centésima parte do libro equivale a unha centésima parte do libro. Se son varias as partes da unidade designadas, é preciso indicalo: dúas centésimas partes do libro.

4. Os adxectivos partitivos marcan o masculino en –o, o feminino en -a e o plural engadindo –s ao masculino ou ao feminino respectivos, en concordancia co substantivo ao que se refiren: quinto/quinta/quintos/quintas. Non obstante, é frecuente que se usen en feminino porque os adxectivos partitivos, que van precedidos de determinante, adoitan ir unidos ao substantivo mediante parte (de): a décima parte do melón, unha terza parte de melón. Aquí, exceptúase medio: medio melón.

5. Algunhas veces úsase como partitivo o cardinal seguido de veces menos ou veces menor: a neta ten cinco veces menos anos que o avó.

Outras palabras con significado numeral

1. Os colectivos son unha serie bastante reducida de substantivos con significado numeral escritos nunha soa palabra: o par, a parella, o trío, o milleiro, o cento, a decena, a ducia, a quincena, a  corentena, a centena. A correspondencia lingüística dos colectivos non é un número, senón un conxunto exacto de unidades. Adoptan xénero masculino ou feminino, segundo os casos, coma calquera outro substantivo.

2. Os distributivos son adxectivos e tamén pronomes que indican unha distribución de elementos: ambos/ambas, entrambos/entrambas. Tamén indican distribución os cuantificadores cada e cadaquén; e as formas ligadas ao posesivo cadanseu/cadansúa/cadanseus/cadansúas.

3. Determinados adxectivos que serven para indicar as tres últimas posicións dunha serie tamén poden considerarse ordinais: derradeiro/-a (último dunha serie pechada), último/-a (último dunha serie pechada ou aberta), penúltimo/-a (inmediatamente anterior ao último dunha serie) e antepenúltimo/-a (inmediatamente anterior ao penúltimo dunha serie).

4. Certos prefixos achegan determinado valor numeral ao substantivo que acompañan. Véxanse os seguintes a xeito de exemplo:

Prefixo
Significado
Exemplos
Bi-, bis-
dous, dúas veces
bianual, bisavoa
Tri-
tres veces
tricampioa, triatleta
Deca-
dez veces máis
decámetro, decasílabo
Deci-
dez veces menos
decímetro, decilitro
Semi-
medio, media
semifinal, semicircular

          

5. Varias medidas tradicionais galegas teñen unha base numeral: cuarteirón, décima, décimo, cuartilla, cuartillo, cuarta, cuartal, cuarto, quintal, etc.

6. Para sinalar a necesidade de repetir algo en certos contextos unha, dúas ou máis veces utilízanse os substantivos bis, ter, quáter, etc.: a cantante tivo que facer un bis (repetiu unha vez unha canción); o artigo catorce ter desta lei (artigo que houbo que repetir dúas veces como consecuencia de dúas modificacións).

7. En frases feitas, poden empregarse determinados adxectivos numerais con significado pouco concreto: díxolle catro palabras, recibiume dous segundos. A falta de precisión tamén pode expresarse engadindo ao numeral e tantos, e pico, máis ou menos ou antepoñéndolle arredor de: vinte e tantos euros, arredor de mil euros.

Noutras ocasións, o adxectivo a penas conserva o seu carácter numeral: artigos de primeira necesidade; ou faino de forma moi indeterminada: é a enésima vez que te chamo.

Tamén se poden atopar substantivos procedentes de adxectivos numerais que conservan máis ou menos o seu significado numeral: un quinto de cervexa (cantidade de cervexa equivalente a  unha quinta parte de litro e, tamén, a botella correspondente); os quintos do cuartel desfilaban malamente (mozos maiores de idade designados para facer a milicia dos que, historicamente, se escollía unha quinta parte do total); custa un euro con vinte céntimos, devolvéronme uns centavos de dólar (centésima parte dunhas moedas).

Do mesmo xeito, certas idades e outras referencias temporais poden marcarse de forma aproximada: corentón/-ona (persoa cunha idade que oscila entre os corenta e os corenta e nove anos) ou de forma máis precisa: quincela (moza de quince anos), setemesiño (nacido aos sete meses de embarazo).

Grafías particulares dos numerais

Os numerais cardinais e ordinais poden escribirse con letras, símbolos, cifras árabes ou cifras romanas. Os partitivos escríbense adoito con cifras árabes cando expresan fraccións e con letras nos demais casos. O resto de numerais escríbese case sempre con letras.

1. A grafía con cifras árabes dáse sobre todo en textos técnicos (por exemplo, en matemáticas: 1/3 + 1/3 = 2/3), cando se desexa expresar números pertencentes a unha serie (DNI número 33724483) ou aludindo a unha cantidade exacta (tocáronlle 20 550 euros na lotaría). Tamén pode darse unha combinación de cifras árabes e letras (1º: primeiro; 4ª: cuarta) recollendo a última vogal do nome do número. Non se deben separar con puntos nin con comas os números enteiros representados con signos arábigos, só con espazos de tres en tres contando desde a dereita para facilitar a súa lectura: 15 354 250. De ter que escribir con letras cifras longas coma a anterior, os distintos elementos tampouco deben separarse con comas: quince millóns trescentos cincuenta e catro mil douscentos cincuenta.

Evítese elidir a parte final de certos numerais cardinais: *no estadio había entre 90 e 100 000 persoas (debe escribirse 90 000); *véxase a enciclopedia nas páxinas 1850-55 (debe escribirse 1850-1855); *o ano 12 (debe escribirse o ano 2012); ou *música dos anos ’60 (debe escribirse dos anos 1960, da década de 1960 ou dos anos sesenta do século XX).

2. A expresión dos decimais realízase mediante dous números cardinais, un para indicar a parte enteira e outro a parte decimal, unidos pola conxunción e ou pola preposición con: vinte euros con trinta e cinco céntimos, ten trinta e nove e cinco décimas de febre.

3. A numeración romana consiste en usar varias letras (I, V, X, L, C, D, M) ás que se lles atribúen determinados valores (1, 5, 10, 50, 100, 500, 1000, respectivamente). Soas ou combinadas, utilízanse  par representar os séculos e milenios (século XXI, II milenio antes de Cristo), reis e papas (Paulo VI, Isabel II), número de edición dunha actividade (V Xornadas sobre Delincuencia Xuvenil), libros, volumes, tomos e partes dunha obra maior (tomo II, parte IV).

Na actualidade, os números romanos son unha forma particular de representar certos ordinais, polo cal seguen os mesmos criterios ca eles: Carlos V (lido: “Carlos quinto”), II Congreso de Acuicultura (lido: “segundo Congreso de Acuicultura”); pero: Afonso XII (lido: “Afonso doce”), século XV (lido: “século quince”).

4. Certos números represéntanse con símbolos, coma tal a letra grega π (número pi), usada para representar o número 3,1416; a letra grega φ (proporción áurea), usada para representar o número 1,6180; ou a letra latina e (número e), usada para representar o número 2,7182.

A numeración das horas

1. Na lingua corrente, referímonos ás horas dividindo as vinte e catro que ten o día en dous grupos de doce. Para diferenciar cada unha das metades, acompáñase o número da hora con “da mañá” se é antes do mediodía (as doce horas) e “da tarde” ou “da noite” se é despois do mediodía: as cinco da mañá, as cinco da tarde, as once da noite. Nas linguaxes técnicas utilízanse as vinte e catro horas: son as dezasete (horas) e cincuenta e cinco (minutos).

2. Aínda que os nomes das horas son en orixe adxectivos (as dúas horas), hoxe en día son substantivos de xénero feminino (o mesmo que o substantivo omitido hora/horas). Todas as horas van precedidas de artigo plural, agás a primeira, que o fai en singular: a unha, as dúas, as dez, as doce. A única marca de xénero en todas elas é o artigo determinado correspondente (a unha, as tres, as oito), agás nas dúas primeiras onde tamén o marca o substantivo (a unha, as dúas).

3. Cada hora, que consta de sesenta minutos, divídese en dúas partes cando se chega aos trinta minutos (a metade indícase con “e media”: sete e media), en cuarteiróns de quince minutos cada un denominados “cuartos” (catro e cuarto, catro menos cuarto) e en porcións de cinco minutos (“cinco”, “dez”, “vinte” e “vinte e cinco”: nove e cinco, nove menos dez...). Na lingua corrente non é frecuente enunciar os minutos soltos; deste xeito a hora que vai entre unha porción de cinco minutos e a seguinte sinálase así: son as dúas e vinte pasadas.

As horas exactas sinálanse co seu número seguido de “en punto”: son as cinco en punto. Os minutos que pasan da hora ata a metade indícanse co número da hora seguido de “e”: son as dúas e cinco, son as tres e media. A partir da media hora, os minutos indícanse tomando como referencia os que faltan para chegar á hora seguinte seguidos de “menos”: as seis menos dez, as once menos cuarto.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Graciñas por participares nesta páxina.