xoves, 25 de agosto de 2016

Abreviacións



Abreviar palabras ou enunciados consiste en reducir a súa extensión. As abreviacións xorden por economía lingüística, buscando expresar enunciados longos de forma reducida sen perder eficacia comunicativa.
Existen diversos tipos de abreviacións para dar resposta a distintas necesidades de uso. Unhas reducións xorden de forma oral (os truncamentos), algunhas de forma ocasional e mesmo persoal (as abreviaturas, agás unhas poucas de uso común, como etc.), outras sobre todo para acurtar denominacións extensas (as siglas e acrónimos) e outras, de ámbito internacional, para se usaren en eidos técnicos e científicos (os símbolos).
Atendendo ao resultado formal da redución, as abreviacións máis comúns son estas cinco:

- O truncamento, palabra resultado de acurtar outra nalgunha das súa partes: trole (trolebús); Floro (Florentino); hetero (heterosexual).
- A abreviatura, caracterizada por conservar polo menos a primeira letra da palabra e por rematar en punto: atte. (atentamente), cía. (compañía), a. de C. (antes de Cristo).
- A sigla, formada pola agrupación da letra inicial de cada palabra principal dunha denominación: DOG (Diario Oficial de Galicia), USC (Universidade de Santiago de Compostela).
- O acrónimo, palabra formada a partir de sílabas ou letras dun enunciado: delco (Dayton Engineering Laboratories Corporation Ohio), Internet (International Net).
- O símbolo, abreviación universal  empregada en ámbitos científico-técnicos: l (litro), Si (silicio).

Falando a grandes trazos, acurtamos palabras de tres xeitos: mediante a aférese, a apócope ou a síncopa. Por medio da aférese, a palabra perde un ou varios sons ao comezo: tergal (poliéster galo), Lupe (Guadalupe). Por medio da apócope, a palabra perde a súa parte final: r. (rúa), san (santo), Al (aluminio). E, por medio da síncopa, prescíndese da parte intermedia dunha voz: vran (verán), Barna (Barcelona).
Certas abreviacións, como é o caso de moitos truncamentos e acrónimos, converténdose en palabras comúns que, en moitos casos, mesmo figuran nos dicionarios (cine, cinematografía; bit, binary digit). Gran número de siglas e acrónimos funcionan como nomes propios (ONU, Organización das Nacións Unidas; Igape, Instituto Galego de Promoción Económica) e poden substituír a denominación plena correspondente en calquera contexto. Outras solucións poden tomar inicial maiúscula, en especial algunhas abreviaturas e símbolos (P. D., posdata; Fe, ferro; I, Italia; N, norte), mais non por iso deben ser consideradas nomes propios. Así mesmo, poden concorrer distintas solucións abreviativas para os mesmos termos: símbolos e abreviaturas (m e mts., metro/s; s e seg., segundo/s), siglas e acrónimos (SIDA e sida, síndrome de inmunodeficiencia adquirida; INTERNET e Internet, International net) ou abreviaturas e siglas (E. S. O. e ESO, ensino secundario obrigatorio; S. A. e SA, sociedade anónima). Tamén pode darse o caso de abreviacións cuxa forma non se corresponda co seu enunciado desenvolvido en galego, debido polo xeral a que está formada sobre unha palabra procedente doutro idioma (Au, ouro [do latín aurum]).
A solución abreviada pode ir soa ou acompañada doutros signos. Empezando polos signos de puntuación, emprégase o punto baixo para pechar as abreviaturas (port., portugués), o punto medio utilízase nas matemáticas para indicar multiplicación de dúas ou máis unidades acompañando as representacións gráficas dos números (15·3=45) e os dous puntos serven para sinalar división neste mesmo ámbito (15:3=5); así mesmo, úsase a coma para separar a parte enteira da parte decimal dun número (253,4). Outros signos ortográficos tamén teñen funcións específicas coas abreviacións. A barra oblicua ou inclinada en certas abreviaturas substitúe o punto (r/ ou r., para rúa); con certos símbolos e números, substitúe as preposicións ‘por’ (120 km/h, quilómetros por hora) ou ‘de’ (25/07/2016, vinte e cinco de xullo de dous mil dezaseis); e nas divisións equivale a ‘dividido entre’ (45/3=15). Outros signos e recursos, como as parénteses os guións e os índices ou signos voados, utilízanse para diversos fins (100 m2: metros cadrados; 25 oC: graos centígrados). Polo xeral, non media espazo entre estes signos e as abreviacións, aínda que estas si van separadas da cifra ou palabra que a puidesen acompañar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Graciñas por participares nesta páxina.