venres, 19 de agosto de 2016

Formación do plural nos empréstitos




Empréstito ou préstamo é toda voz, frase ou xiro que o galego toma doutra lingua. O seu grao de adaptación, o tempo que leva no noso idioma ou que se sinta ou non como propio son aspectos que van influír na formación do plural deste tipo de termos, sexa seguindo as regras do galego, sexa conservando as formas plurais das linguas de procedencia. Tamén inflúe o seu grao de difusión e que pertenzan á lingua común ou a unha linguaxe de especialidade.

A formación do plural en galego presenta, en xeral, estas tres posibilidades segundo as palabras, -s, -es ou is, que se exemplifican no cadro seguinte:

Formación do plural
Palabras rematadas en
Exemplos
-s
Vogal
pa, pas; mesa, mesas
lei, leis; bocoi, bocois
-es
 
–r
mar, mares; calor, calores
-es
 
–z
luz, luces; capataz, capataces
-es
Agudas rematadas en vogal + -s
deus, deuses; compás, compases
Invariables
Graves e esdrúxulas rematadas en –s 1
lapis, lapis; mércores, mércores
bíceps, bíceps; clímax, clímax
-s
 
–n
can, cans; lambón, lambóns
-es
Graves e monosílabas rematadas en –l 2
difícil, difíciles; túnel, túneles
mel, meles; fel, feles; col, coles
-is
Agudas rematadas en –l
animal, animais; papel, papeis;
español, españois; funil, funís
-s
Outras consoantes 3
club, clubs; coñac, coñacs; anorak, anoraks; test, tests; álbum, álbums; superávit, superávits; clip, clips; jeep, jeeps
 
1. Dentro das palabras rematadas en –s, téñase en conta que un grupo delas carece de singular por ser sempre plural: as tenaces, as feces, as fauces, os víveres, os matíns.
 
2. Exceptúase desta regra a terminación –bel, que fai o plural en –beis: amábel, amábeis.
 
3. A maioría das palabras deste grupo son estranxeirismos ou cultismos.
 

 

A partir da regra xeral, cómpre facer determinadas precisións na formación do plural, incidindo de forma especial nos empréstitos.
 
Palabras invariables en plural

a) Ademais das palabras graves e esdrúxulas rematadas en –s e -x, que como acabamos de ver son todas invariables (xoves, humus, clítoris, sífilis; télex, látex, tórax), tampouco varían en plural as palabras agudas rematadas en grupo consonántico (luns,  matasáns, portaavións, matíns), incluídas as rematadas en –x (pronunciado “ks”), moitas delas emprestadas (fax, lux, unisex, relax).

b) As palabras compostas rematadas en –s cuxo segundo elemento é plural (pousafoles, milhomes, rañaceos, gardabois, fervellasverzas, tapacús, matacandís) manteñen invariable a súa forma, polo que a única marca de número é o determinante (un crebacabezas, uns crebacabezas), o mesmo que no caso anterior.

Plurais particulares dalgúns estranxeirismos

a) Os estranxeirismos rematados en vogal poden formar o plural engadindo –s (spray, sprays) ou ben respectando a forma de plural da lingua de orixe (hippy, hippys ou hippies; spaghetti ou espaguetes). Máis alá da dificultade de saber cal é o plural orixinal, nalgúns casos consérvase só o plural de orixe (leu, lei; lied, lieder; land; länder); noutros só se conserva a palabra orixinal en plural (uns ravioli, varios lapilli) e noutros ese plural pasou a singular en galego (un saltimbanqui, dous saltimbanquis).

b) Os estranxeirismos rematados en –r ou –z seguen a regra xeral de engadir –es no plural, a non ser algúns casos de palabras pouco integradas, que admiten tamén a posibilidade de engadir –s (póster, pósteres ou pósters; gánster, gánsteres ou gánsters; júnior, júniores ou júniors). Esta regra esixe decidir cales empréstitos están máis e cales menos integrados e, no caso destes últimos, consinte formar plurais en –s sobre estranxeirismos moi recentes e especializados coma estes: hertz, hertzs; kolkhoz, kolkhozs; lapiaz, lapiazs; sovkhoz, sovhhozs; raz, razs.

c) Os sintagmas procedentes do inglés, máis ou menos admitidos no idioma, adoitan formar o plural engadindo –s á parte final do sintagma (best-séller, best-séllers; flashback, flashbacks; walkie-talkie, walkie-talkies). No caso de remataren en –s, recoméndase deixalos invariables en plural (fixéronlle dous bye-pass, os top-less eran habituais nesa praia), o mesmo que se faría con calquera outra palabra emprestada que rematase nesa mesma consoante (blues, christmas, frottis, jeans, shorts).

Plurais de determinados latinismos

a) Como xa vimos na última ringleira do cadro anterior, os latinismos rematados en –um incorporados plenamente á lingua forman o plural engadindo –s (álbum, álbums; quórum, quórums; médium, médiums). Tan só algún caso pode conservar a forma latina do plural (en –a, -i ou outras): un curriculum vitae, varios curriculum vitae ou varios curricula vitarum.

b) Os latinismos non agudos rematados en –us mantéñense invariables en plural, seguindo a norma xeral (status, thesaurus, humus, lupus).

c) Os sintagmas emprestados do latín, como hábeas corpus, qui pro quo ou urbi et orbe, tamén deben manterse invariables en plural, aínda que este emprego sexa pouco frecuente: tivo varios delírium tremens no mesmo día; expresou tres mea culpa seguidas.

Conclusións

A formación do plural nos empréstitos segue, en principio, as regras do galego, engadindo ao singular –s (argot, argots), -es (bar, bares) ou –is (aerosol, aerosois), segundo os casos.

As excepcións invariables en plural para empréstitos rematados en –s ou –x, incluídos os latinismos rematados en –us, coinciden coas excepcións previstas pola norma para formas similares galegas.

Danse dous casos de plurais particulares dalgúns estranxeirismos, o das voces rematadas en vogal, que poden tormar –es ou formarse de acordo coa lingua de orixe; e o das voces rematadas en –r ou en –z, que engaden –es, a non ser que estean pouco integradas, en cuxo caso poden formar o plural engadindo –s.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Graciñas por participares nesta páxina.