xoves, 9 de agosto de 2018

Usos do xerundio


O xerundio é unha forma verbal non persoal que ten un valor adverbial. Os xerundios dos verbos da primeira conxugación rematan en –ando (andando); os da segunda rematan en –endo (lendo); e os da terceira, en -indo (partindo).

1. O xerundio expresa unha acción simultánea ou unha acción anterior á do verbo principal:

   Vimos a deportista correndo pola pista [as dúas accións son simultáneas: vímola mentres corría]

Debe evitarse o denominado ‘xerundio de posterioridade’, que expresa unha acción posterior á do verbo principal:

   *Lavamos o coche, secándoo ao sol

   *Son catro alumnos os seleccionados, sendo este o mellor

Estes usos poden substituírse por estoutros:

   Lavamos o coche e (logo) secámolo ao sol

   Son catro alumnos os seleccionados, dos cales este é o mellor

Aínda así, admítense certos usos cando a acción expresada polo xerundio é inmediatamente posterior á acción expresada polo verbo principal ou cando se se describe unha imaxe:

   Melloraron os resultados traballando máis [primeiro traballaron máis e logo obtiveron mellores resultados]

   Nenos xogando ao fútbol [pé dunha imaxe]

2. Polo xeral, o xerundio comparte suxeito co verbo principal:

   O policía fíxonos o sinal de parar levantando a man [o policía fixo un sinal e o policía levantou a man]

Aínda que, en certos casos, o xerundio pode ter suxeito propio distinto do suxeito do verbo principal:

   Sendo ela a nosa amiga, nós confiámoslle varios segredos [‘ela’ é o suxeito do xerundio e ‘nós’, o suxeito do verbo principal]

3. A función do xerundio é a de complemento circunstancial (de tempo, de modo, de condición, de causa...) do verbo:

   Resolveu o problema pedindo axuda [modo]

   Entrou na casa chovendo [tempo]

Debe evitarse o uso do xerundio con valor adxectivo, que modifica un substantivo:

   *Búscase secretaria falando inglés

   *Decreto regulando o horario dos comercios

Estes casos deben substituírse por:

   Búscase secretaria que fale inglés

   Decreto (polo) que (se) regula o horario dos comercios

luns, 26 de febreiro de 2018

Maquillando a lingua




O goberno francés acaba de prohibir o uso da linguaxe denominada “inclusiva” nos seus textos oficiais. “As Administracións dependentes do Estado francés deben adecuarse ás regras gramaticais e sintácticas, principalmente por razóns de intelixibilidade e claridade”, apuntou o ministro Édouard Philippe. Fronte a esta posición, diversos colectivos feministas defenden anotar de forma sistemática o sufixo feminino a seguir do masculino en nomes referidos a persoas, coa intención de loitar contra a “invisibilización” das mulleres no francés. A Academia Francesa da lingua declarou a súa oposición radical a esta última tendencia, cualificándoa de “aberración lingüística”. Mais, como está a cuestión entre nós?
De entrada atopámonos ante un problema social ao que nos últimos tempos se lle pretende dar un carácter marcadamente lingüístico. Por moitos femininos que empreguemos, a sociedade non vai ser menos machista: equiparación de soldos, de oportunidades e de trato son os dereitos que se lles deben outorgar tanto a homes como a mulleres. Tampouco podemos medir o nivel de machismo dun idioma pola forma en que flexiona o xénero. Véxase, se non, as dificultades do inglés, que en ocasións debe recorrer a solucións como a policewoman ou a female teacher para referirse ás mulleres; ou o caso de determinados sufixos femininos no francés, como la deputée ou la colonelle, que non se pronuncian e polo tanto fanse invisibles na fala. A gramática, lonxe de ser sexista, é unha ferramenta de comunicación humana formada ao longo dos séculos e non un produto dunha mente revirada de hoxe en día. Outra cousa é o uso sexista que se poida facer dela, onde si se dan situacións discriminatorias.
As consecuencias de “amañar” a gramática poden ser graves se non se fan con sentidiño. Xa apuntamos como algunhas linguas marcan o feminino referido ás persoas con diversos recursos e con máis ou menos éxito. Coutar usos obvios do xénero masculino (coma tal o seu carácter xenérico ou non marcado, presente en todas as linguas da nosa contorna) na procura dunha pretendida equiparación, pode fomentar unha lingua antieconómica, menos clara e proclive a erros e confusións indesexables. Ademais, o número de substantivos que permite a flexión de xénero en galego non chega ao dez por cento do total. O outro noventa e pico por cento das formas seguirá quedando sen marcar, ben por teren un xénero único, ben porque, sendo de xénero dobre, non presentan variación formal. Entre elas inclúense gran número referido a persoas, coma as epicenas (a testemuña, o peón), as rematadas en vogal distinta das asociadas ao masculino e a feminino (gurú, personaxe), moitas das rematadas en consoante (manequín, mártir), etc.
A realidade do discurso é moito máis complexa que empregar denominacións abstractas (o reitorado, por o reitor), formas dobres (o reitor, a reitora) ou con barras (o/a reitor/a), entre outras. Os manuais de linguaxe non sexista ou igualitaria ofrecen consellos polo xeral a partir de modelos de documentos estandarizados e pechados. Primeiramente, porque as recomendacións están feitas só para a lingua escrita: resulta impensable que nun discurso oral fluído se agregue esta restra de formas desdobradas que imposibilitaría a comunicación. En segundo lugar, porque a súa aplicación vai dirixida case exclusivamente a modelos de documentos ou para se empregar ao principio de certos textos, mais non para un texto corrido: imaxinemos as dificultades que teriamos ao ler unha novela onde se empregasen a cada paso. E, en terceiro lugar, porque vulneran certas regras gramaticais, normativas e de estilo establecidas sen ofrecer solucións alternativas válidas nin consensuadas. Confúndese, en definitiva, xénero (gramatical) con sexo (humano) ao pretender amañar o problema de fondo con solucións formais non sempre axeitadas.
Para rematar, cítase un par de exemplos nos que se aprecia o uso de formas dobres (masculinas e femininas) levado ao extremo:
Só os venezolanos e venezolanas por nacemento e sen outra nacionalidade poderán exercer os cargos de Presidente ou Presidenta da República, Vicepresidente Executivo ou Vicepresidenta Executiva, Presidente ou Presidenta e Vicepresidentes ou Vicepresidentas da Asemblea Nacional, maxistrados ou maxistradas do Tribunal Supremo de Xustiza, Presidente ou Presidenta do Consello Nacional Electoral, Procurador ou Procuradora Xeral da República, Contralor ou Contralora Xeral de la República, Fiscal Xeral da República, Defensor ou Defensora do Pobo, Ministros ou Ministras dos despachos relacionados coa seguridade da Nación, finanzas, enerxía e minas, educación; Gobernadores ou Gobernadoras e Alcaldes ou Alcaldesas dos Estados e Municipios fronteirizos e daqueles contemplados na Lei Orgánica da Forza Armada Nacional.
(Constitución da República Bolivariana de Venezuela, tomado de Ignacio M. Roca, Boletín de la Real Academia Española, tomo 89, 2009, páx. 78).
Compañeiros e compañeiras: os nosos delegados e delegadas falaron xa cos encargados e encargadas de todos os servizos para pedir que a media hora de pausa dos traballadores e traballadoras coincida coa hora de ocio dos nosos fillos e fillas no xardín de infancia da empresa.
(S. de Andrés Castellanos: “Sexismo y lenguaje. Estado de la cuestión: reflejos en la prensa”, I Simposio Internacional de Análises do Discurso, Universidade Complutense de Madrid, 1998, páx. 3).

xoves, 9 de marzo de 2017

A política das palabras



 

O mago fixo un aceno e desapareceu a fame, fixo outro aceno e desapareceu a inxustiza, fixo outro aceno e desapareceu a guerra. O político fixo un aceno e desapareceu o mago.

 

 
 
 

Todo o que ten nome, pode precisarse. Noutro caso, as palabras redúcense a ‘couso’, ‘chisme’ ou ‘aquel’. Necesitamos denominar os conceptos mediante termos para que a mensaxe non perda forza comunicativa e cobre senso. En ocasións, usamos novas palabras ben cando xorden obxectos (burkini) ou situacións novas (Brexit), ben cando queremos referirnos a realidades propias de certos territorios, empregando os nomes orixinarios (peto de ánimas, leendakari, senhera) ou traducíndoos (fóra borda, rañaceos). Outras veces botamos man de eufemismos, en principio innecesarios, como fogo amigo (disparos procedentes do propio bando) ou danos colaterais (mortos, feridos ou destrución involuntaria de propiedades por causa dunha operación militar) coa intención de limar determinadas asperezas. Dramas sociais dos nosos días están detrás de expresións en aparencia inocuas como desaceleración económica (por ‘crise’, ‘recesión’...), incremento negativo (por ‘redución’, ‘diminución’...), procedementos de execución hipotecaria (por ‘desafiuzamentos’) ou flexibilizar o mercado laboral (por ‘abaratar o despedimento de traballadores’). 

Cando nunha película estadounidense oímos “son cidadán americano”, dito cun certo ton de superioridade, parece que o peso do imperio zoa nos oídos do receptor coma unha ameaza insoportable. O presidente dos Estados Unidos Donald Trump tamén está a contribuír a estes usos con expresións como comité da morte (usada para desacreditar o Obamacare), carnicería americana (para designar o sistema socioeconómico propio deteriorado) ou recuperar o control (que pretende reforzar a súa posición a favor do Brexit). O que sucede arestora xa o advertían con orgullo os romanos libres dous mil anos atrás dicindo “civis romanus sum” para reclamar os dereitos asociados a tal status. Os imperios, ao acadaren maior proxección que converter as colonias en simples clientes submisas, van trazando complexas estratexias políticas desde a xerarquía, que acaban reflectindo nas súas palabras, moitas delas creadas para a ocasión. O humanista Antonio de Nebrija afirmaba no seu famoso “Prólogo a la gramática de la lengua castellana” que sempre a lingua foi compañeira do imperio, sobre todo a partir de que a escrita serviu para dar testemuño dos fitos políticos desde os tempos do antigo reino xudeu ata a Grecia e Roma da antigüidade.

George Orwell advertiunos de que, no mundo actual, a corrupción da linguaxe se convertera nun elemento aterrador do totalitarismo, nun ataque á verdade obxectiva. Así, o panxermanismo nazi deixou un bo número de perlas lingüísticas, produto dunha traballada estratexia de propaganda dirixida por Joseph Goebbels. Naceu arianizar (despedir traballadores xudeus das empresas antes de seren compradas por alemáns non xudeus) ou solución final (acción de borrar os xudeus do mapa), e retirada ou fuxida foron substituídos por liberarse loitando. Certos réximes socialistas totalitarios tamén prohibiron frases como “son un home libre” nun intento de que a organización colectiva prevalecese sobre a liberdade individual. Aínda hoxe, algúns réximes populistas suramericanos crean termos á medida: bolivarianismo (corrente de pensamento político teoricamente baseada na vida e obra de Simón Bolívar) ou pitiyanqui (imitador do estadounidense) e redefinen outros como soberanía, patriotismo ou puntofijista (insulto).

Os xornais tamén nos ofrecen, adoito, exemplos de novos contextos sociopolíticos e relixiosos que incorporan novas palabras. O fundamentalismo islámico usa, ademais de yihad, yihadismo, dawa ou sharia, nomes de pezas de roupa femininas pouco ou nada coñecidas: hiyab, burka, chador, niqab, shayla e al-amira. Así mesmo, a actual escena política catalá é moi vizosa creando termos novos ou achegando novos matices a outros xa existentes: procés, procesismo, soberanismo, consulta, dereito a decidir, desconexión, desobediencia, liña vermella, mandato democrático, pacto fiscal, paso ao lado, RUI (referendo unilateral de independencia), DUI (declaración unilateral de independencia), etc. Este gusto polos matices non é de agora: xa no pasado a 'lengua castellana' pasou a denominarse 'lengua española', un sinónimo só aparente co que se buscaba enxalzar esta lingua, considerándoa patrimonio real e elemento clave dunha política cultural que simbolizaba a unidade de España. No extremo contrario, moitos cidadáns hispanoamericanos prefiren falar 'castelán' antes que 'español' para evitar que este idioma sexa asociado ao imperio español, metrópole dos seus países durante varios séculos. Deste xeito, pretenden descargar un pouco o peso que a política exerce sobre as palabras.

martes, 11 de outubro de 2016

Concordancia



A concordancia é a correspondencia morfolóxica entre determinadas partes de dúas ou máis palabras, que establece unha relación entre elas. Hai dous tipos principais de concordancia: a concordancia nominal e a concordancia verbal. Os determinantes e os adxectivos concordan co substantivo ao que se refiren en xénero (masculino ou feminino) e en número (singular ou plural). O verbo e o suxeito concordan en número e persoa (primeira, segunda ou terceira). O tipo de modificadores e a súa colocación con respecto ao substantivo, así como a presenza de determinados elementos no suxeito da oración, son aspectos que van influír na concordancia.

luns, 3 de outubro de 2016

10 xeitos de escribir con claridade




A linguaxe chá ou clara é aquela cuxos destinatarios entenden á primeira. Podemos identificar a linguaxe clara polas súas características: doada de ler, de entender e de comunicar. Palabras sinxelas, frases e parágrafos curtos e ideas ben estruturadas son elementos asociados á clareza lingüística.
O uso da denominada plain linguage, linguaxe clara ou linguaxe chá promóvese desde hai varias décadas en diversos países co obxectivo xeral de que a información producida sexa facilmente comprensible para os seus destinatarios. Partillando o acto de escribir nas súas fases principais, extraeuse unha serie de recomendacións agrupadas nas seguintes epígrafes que son a base deste artigo:

- O obxecto: de que vou escribir?
- O público: a quen me vou dirixir?
- As ideas: como podo organizar as miñas ideas?
- A disposición: como coloco os datos?
- A escritura: como empezo?
- As palabras: como podo recoñecer as palabras claras?
- O verbo: por que o verbo?
- As frases: como redacto as mellores frases?
- Os parágrafos: como constrúo os parágrafos?
- A revisión: para que revisar?

xoves, 1 de setembro de 2016

Fluidez expresiva


A facultade comunicativa recoñécese, polo común, como unha facultade exclusiva da condición humana. Mediante unha ferramenta lingüística, a palabra, o orador non só fai entender as cousas (expresa o que sabe), senón que tamén o que experimenta e o que sente. A comunicación pode adquirir unha dimensión artística: non importa inventar ou deixar correr a imaxinación, con tal de facelo con xeito. Desta escala creativa nacen os diferentes xéneros literarios.
 

 

martes, 30 de agosto de 2016

xoves, 25 de agosto de 2016

Símbolos

 

Existen diversos procedementos na formación das abreviacións, dos cales xa presentamos o truncamento e a abreviatura, o acrónimo e mais a sigla. Vexamos, para rematar esta serie, as características doutro resultado abreviativo moi habitual, o símbolo. Atendendo ás súas características, merecen comentario pormenorizado o criterio xeral aplicado no acurtamento, o resultado abreviado e o seu uso, a ortografía e a lectura da solución reducida, así como o seu xénero e número, se fose o caso.

 
Símbolos
 
Criterio
Trátase de convencións internacionais, polo que non son de libre creación.
Resultado
Letra ou letras (kg, quilogramo), por veces acompañadas doutros signos (m/s2, metro por segundo cadrado), que representan unha palabra ou sintagma.
Ortografía
Utilizan letras maiúsculas e minúsculas, en ocasións combinadas no mesmo símbolo (s, segundo; K, potasio; Na, sodio). Non sempre existe relación entre a forma do significante no idioma e a do símbolo (Ag, prata [do latín argentum]). Algunhas veces, os símbolos internacionais conviven con outros propios do galego (O, oeste; e W, west).  Van separados por un espazo da cifra ou palabra que poden acompañar (350 g, 2500 €).
Lectura
Case todos se len desenvolvidos (g, lido “gramo”; , lido “euro”), mais nuns poucos casos tamén é posible ler os símbolos (H2O, lido “hache dous o” ou “auga”; 2pr, lido “dous pi erre” ou “perímetro dun círculo”).
Feminino
Teñen un só xénero, que na súa maior parte é o masculino.
Plural
Os símbolos non toman morfema de plural, a diferenza das palabras que representan.
Uso
Son abreviacións usadas en textos científicos e técnicos. Nos textos de carácter xeral, resérvanse para cadros estatísticos, gráficos e outros lugares con pouco espazo. Os símbolos de medida e os das moedas úsanse acompañados das unidades numéricas (100 m, 1500 €).

Acrónimos e siglas


 

Existen diversos procedementos na formación das abreviacións, dos cales xa presentamos o truncamento e mais a abreviatura, e noutra ocasión analizaremos o símbolo. Vexamos de forma comparada as características doutros dous resultados abreviativos moi habituais, o acrónimo e a sigla. Atendendo as características de cada un, merecen comentario pormenorizado o criterio xeral aplicado no acurtamento, o resultado abreviado e o seu uso, a ortografía e a lectura da solución reducida, así como o seu xénero e número, se fose o caso.

 
Acrónimos
 
Siglas
Criterio
Abrévianse enunciados de máis dunha palabra que poidan silabearse. O resultado combina na mesma palabra sílabas, letras, ou unha combinación das dúas, dun enunciado. En consecuencia, en todo acrónimo debe aparecer máis dunha letra dalgunha das palabras acurtadas (sonar, sound navigation ranging). Non son de libre creación.
Abrévianse enunciados de máis dunha palabra. Unhas veces toman a letra inicial de cada palabra plena (substantivos, adxectivos e verbos: PIB, produto interior bruto) e outras tamén utilizan a inicial das accesorias (preposicións, conxuncións, etc.: UDC, Universidade da Coruña). Non son de libre creación.
Resultado
Nova palabra fixada no uso, unhas veces común (o tergal, o poliéster galo) e outras propia, adoito referida a unha entidade (Sergas, Servizo Galego de Saúde). Os acrónimos estranxeiros unhas veces adáptanse traducindo a denominación para o galego (sida [aids, en inglés], síndrome de inmunodeficiencia adquirida) e outras non (delco, Dayton Engineering Laboratories Company).
Son formacións léxicas coñecidas e usadas, entre as que destacan as abreviacións de entidades. A siglas estranxeiras unhas veces tradúcense (ONU [UNO, en inglés], Organización das Nacións Unidas) e outras non (UNESCO, Unit Nations Educational Scientific and Cultural Organization). De forma ocasional, poden converterse en substantivos comúns (ovni, obxecto voante non identificado).
Ortografía
Coma outra palabra calquera. Cando é común, gráfase con minúsculas e cando é propia, con inicial maiúscula. Os acrónimos adoitan ter acento grave (módem) ou agudo (radar).
Gráfanse con todas as súas letras en maiúscula, con independencia da grafía das palabras en orixe, aínda que de forma esporádica poden tomar algunha minúscula (Convergència i Unió, siglado CIU ou CiU). As siglas silabeadas adoitan ter acento grave (FIFA, Federación Internacional de Fútbol Asociación [lido “fífa”] ou agudo (CD, Compact Disc [lido “cedé]). Algunhas combinan letras e números (K2, canoa kaiak de dúas prazas e modalidade deportiva na que intervén esta canoa; 11-S ou 11S, día 11 de setembro de 2001 e atentado cometido ese día).
Lectura
Lense coma calquera outra palabra, polo que deben permitir o silabeo (A-ga-der, Axencia Galega de Desenvolvemento Rural).
Non sempre permiten o silabeo, polo que unhas veces soletréanse tal cal (DNI, lido “deeneí”) ou engadindo algunha vogal na fala (DOG, lido “doga”); e outras, só pode lerse a denominación completa (EGPGC, Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive [lido tal cal]).
Feminino
Polo xeral, toman o xénero do concepto que representan (o radar [radio detection and ranging], por ‘o aparello’) ou
da primeira palabra que entra na denominación (a sida, por ‘a síndrome’).
Toman o xénero da palabra que constitúe o núcleo semántico da denominación, que adoita ser a súa primeira palabra (o ILG, Instituto da Lingua Galega [por “o instituto”]; a TVG, Televisión de Galicia, [por “a televisión”]).
Plural
Os comúns forman o plural coma as demais palabras, en –s (bit, bits), -es (radar, radares) ou -is (tergal, tergais).
Non admiten morfema de plural, aínda que si o determinante plural (teño dous NIF; reparou varios PC).
Uso
Nun texto, desenvólvese entre parénteses a primeira vez que aparece ou advírtese despois do enunciado desenvolto que se vai usar o acrónimo correspondente. Exceptúanse aquelas denominacións recollidas no dicionario (motel, por motorists hotel), moi coñecidas ou que só se usan en forma de acrónimos (Muface, Mutualidade Xeral de Funcionarios da Administración Civil do Estado).
Nun texto, desenvólvese entre parénteses a primeira vez que aparece ou advírtese despois do enunciado desenvolto que se vai usar a sigla correspondente. Exceptúanse aquelas denominacións moi coñecidas (IVE, imposto sobre o valor engadido) ou que só se usan sigladas (CIA, Central Intelligence Agency).
           

Truncamentos e abreviaturas




Existen diversos procedementos na formación das abreviacións. Vexamos de forma comparada as características de dous resultados abreviativos moi habituais, o truncamento e a abreviatura, que máis adiante ampliaremos co acrónimo e a sigla e mais o símbolo. Atendendo as características de cada un, merecen comentario pormenorizado o criterio xeral aplicado no acurtamento, o resultado abreviado e o seu uso, a ortografía e a lectura da solución reducida, así como o seu xénero e número, se fose o caso. 

 
Truncamentos
 
Abreviaturas
Criterio
Acúrtanse sílabas completas ou letras que poidan formar novas sílabas ao primeiro (bus, autobús), no medio (pra, para) ou ao final da palabra (tan, tanto).
Sempre debe conservarse a primeira letra da palabra, pois esta só se pode acurtar polo medio (ppal., principal) ou ao final (gal., galego).
Resultado
Nova palabra de máis dunha letra, produto do acurtamento doutra coa que pode convivir (cole e colexio) ou mesmo desprazar (radio, radiorreceptor ou radiodifusión). Aínda que só se truncan palabras soltas, os truncamentos poden formar parte de novas palabras compostas (cantautor, cantante + autor; autoescola, automóbil + escola).
Letra ou conxunto de letras soltas, resultado do acurtamento máis ou menos ocasional dunha ou varias palabras (l. c. ou loc. cit., loco citato). Son de libre formación, seguindo unhas pautas básicas, aínda que algunhas xa están consolidadas polo uso (etc., por etcétera; S. O. S., save our ship). Poden abreviarse varias palabras ou sintagmas xuntos (P. V. P., prezo de venda ao público; loc. adv., por locución adverbial). Deben acurtarse suficientes letras para que compense abreviar (Dna., por dona, non compensa) e non tan poucas que xere ambigüidade (col. pode ser colaborador/a, colección, colexio, columna, colonia, etc.).
Ortografía
Coma outra palabra calquera. Toma acento cando cumpra (Álex, Alexandre) e tamén conserva a maiúscula orixinal, se fose o caso (Compos, [Sociedade Deportiva] Compostela).
Remata en consoante cando a palabra parte polo medio (art., por artigo). Leva polo xeral punto final abreviativo, aínda que tamén pode usar a barra (c/c, conta corrente). Pode utilizar outros elementos, como as letras voadas e os números (cía. ou C.ía, compañía; 1.o ou 1o, primeiro). Conserva o acento orixinal cando a vogal acentuada forma parte da abreviatura (páx., por páxina) e tamén a maiúscula (Admón. por Administración), aínda que ás veces cambia minúsculas por maiúsculas (Sr., por señor; D. E. P., por descanse en paz). As abreviaturas de varias palabras seguidas deben separarse mediante un espazo despois de cada unha.
Lectura
Debe lerse o truncamento como tal.
Non debe lerse a abreviatura, senón a palabra completa.
Feminino
Poden ser masculinos ou femininos. Polo xeral, conservan o xénero da palabra completa (o zoo, o zoolóxico; a ‘bici’, a bicicleta; pero o mol, a molécula-gramo; o xel, a xelatina). Tamén se dan casos de solucións con xénero dobre (o ‘profe’, o profesor; a ‘profa’, a profesora).
Só se indica cando o acurtamento recolle o final da palabra que marca o xénero (lda., licenciada).
Plural
Admiten plural, coma as demais palabras (xeles, xelatinas; ‘profes’, profesores).
Só se marca na forma cando o acurtamento recolle o final da palabra (Admóns., Administracións). En certos casos fixados polo uso, o plural sinálase duplicando as iniciais da denominación singular (CC. OO., Comisións Obreiras).
Uso
Unhas formas están admitidas pola norma e outras úsanse tan só na fala (‘depre’, depresión; ‘poli’, policía; ‘promo’, promoción; ‘compa’, compañeiro).
As abreviaturas nacen en exclusiva para a lingua escrita. Deben usarse con sentidiño e non en calquera tipo de textos. É conveniente elaborar unha lista de abreviaturas para guiar o lector.

 

Abreviacións



Abreviar palabras ou enunciados consiste en reducir a súa extensión. As abreviacións xorden por economía lingüística, buscando expresar enunciados longos de forma reducida sen perder eficacia comunicativa.
Existen diversos tipos de abreviacións para dar resposta a distintas necesidades de uso. Unhas reducións xorden de forma oral (os truncamentos), algunhas de forma ocasional e mesmo persoal (as abreviaturas, agás unhas poucas de uso común, como etc.), outras sobre todo para acurtar denominacións extensas (as siglas e acrónimos) e outras, de ámbito internacional, para se usaren en eidos técnicos e científicos (os símbolos).
Atendendo ao resultado formal da redución, as abreviacións máis comúns son estas cinco:

- O truncamento, palabra resultado de acurtar outra nalgunha das súa partes: trole (trolebús); Floro (Florentino); hetero (heterosexual).
- A abreviatura, caracterizada por conservar polo menos a primeira letra da palabra e por rematar en punto: atte. (atentamente), cía. (compañía), a. de C. (antes de Cristo).
- A sigla, formada pola agrupación da letra inicial de cada palabra principal dunha denominación: DOG (Diario Oficial de Galicia), USC (Universidade de Santiago de Compostela).
- O acrónimo, palabra formada a partir de sílabas ou letras dun enunciado: delco (Dayton Engineering Laboratories Corporation Ohio), Internet (International Net).
- O símbolo, abreviación universal  empregada en ámbitos científico-técnicos: l (litro), Si (silicio).